Friday 03 de May de 2024

O Concello de Lousame homenaxea a Marcos Mayo, Roi Jorge Vázquez e Iago Carou Moledo polos seus recentes éxitos deportivos


Debido á pandemia sanitaria non houbo convocatoria pública, polo que ao acto só asistiron familiares dos tres homenaxeados, que cumpriron cun estrito protocolo anti-covid
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, e o concelleiro de Deportes, Jesús Martínez Castro, presidiron a homenaxe que o Concello de Lousame rendeu na noite do sábado 21 de novembro a tres deportistas locais polos seus recentes éxitos deportivos: Marcos Mayo Figueira, Iago Carou Moledo e Roi Jorge Vázquez. Un acto que, debido ás restricións da covid-19, non foi aberto a toda a veciñanza senón unicamente ás familias dos tres homenaxeados.
Villaverde Pais recoñeceu que “non é o mellor momento, pero non queríamos deixar pasar o tempo sen recoñecer o voso esforzo e a vosa constancia”, lembrando que a pandemia impediu a celebración dunha nova edición da Gala do Deporte. Así, a alcaldes lousamiá puxo en valor os campionatos galegos de Duatlón Cross, absoluto e veterano, e o subcampionato galego contra o reloxo individual en categoría máster 40 obtidos por Marcos Mayo Figueira nesta tempada 2020. Pola súa banda, Roi Jorge Vázquez vén de proclamarse campión da Copa de Portugal de ciclocross, disputada en Sao Brás de Alportel (Algarve); mentres que Iago Carou Moledo conseguiu o campionato galego contra o reloxo individual na categoría cadete.
“Sentímonos moi orgullosos. Queremos agradecer ás familias o apoio que lles dades e tamén agradecerlles a eles que sexan un exemplo para a sociedade dos valores que transmite o deporte: o esforzo, a forza da vontade, o sacrifico, a xenerosidade, a humildade cando gañan. Porque o que sabe gañar, sabe perder”, indicou Teresa Villaverde.
A alcaldesa de Lousame destacou o sacrificio persoal que os deportistas teñen que facer: “cando son novos teñen que deixar de facer actividades que lles gustan ou estar cos amigos para adestrar e, cando pasan os anos iso complícase aínda máis como o caso de Marcos, que ten que compatibilizar o seu traballo e súa responsabilidade como pai e como marido coa práctica do deporte. Hoxe mesmo vén dunha proba na que quedou terceiro” (master 40 masculino na Copa Galicia 2020 de ciclocrós, celebrada o sábado en Marín). Sacrificio
Marcos Mayo tomou a palabra en nome dos tres homenaxeados para, en primeiro lugar, “felicitar aos pais das criaturas porque a estas idades e mentres son dependentes a nivel de transporte é un sacrificio grande. Non só as carreiras, que son mínimas ao longo do ano, pero si aos adestramentos. Pero vos animo a seguir nesa liña porque os valores que lles dá o deporte a calquera persoa, pola experiencia que teño, vailles axudar o resto da súa vida”
Finalmente, a Roi e Iago díxolles que “sei que estades nunha idade moi complicada, pois chegan os anos de saír, aínda que este ano non poden saír moito. Nese aspecto é unha vantaxe e nos axuda, pois non se pode ir aos bares. Anímolles a que segan a liña do deporte e que non se obsesionen cos resultados. O importante agora é desfrutar e se desfrutan na bicicleta, os resultados chegarán”.
Palmarés
Marcos Mayo Figueira (Cruído, 19 abril 1979) proclamouse na temporada 2020 campión galego absoluto de Duatlón Cross, campión galego de Duatlón Cross na categoría veterano e subcampión galego contra o reloxo individual na categoría máster-40. En 2019 foi tamén campión galego de Duatlón Cross na categoría veterano e terceiro na clasificación absoluta, así como campión da Copa Galicia BTT xco, campión do Trofeo Federación BTT xco e campión galego BTT xco, todas elas na categoría máster 40; así como gañador de dúas probas da Copa Galicia de Ciclocross.
Roi Jorge Vázquez (Filgueira, 3 de maio de 2004) é corredor de ciclocross no club Ciclos Quintena. Nesta temporada de 2020, na que non se celebraron probas en Galicia, proclamouse o pasado mes de outubro campión da Copa de Portugal, en Sao Brás de Alportel. Tamén foi 7º no Campionato de España, disputado en Otívar (Granada); e 11º no Open de España, en San Andreu de la Barca (Barcelona). Na tempada 2019, foi 3º no Campionato Galego e na Copa de Galicia; 2º no Open de Asturias, 12º no Open de España e 16º na Copa de Portugal. Iago Carou Moledo (Silvarredonda, 14 de abril de 2004) é ciclista no Club Ciclista Barbanza.  No ano 2020 proclamouse campión galego contra reloxo individual na categoría cadete e participou nos campionatos de Palencia e Portugal. No ano 2019 foi 3º clasificado cadete na proba do Campionato Galego en Ruta disputada en Monterroso (Lugo) e tomou parte no campionato Astur-Cántabro.